LOUSAME> A mina de San Finx foi novamente o escenario da protesta da lataforma comarcal contra os vertidos. Membros de Ecoloxistas en Acción xunto cunha nutrida representación de mariscadores noieses ocuparon as instalacións mineiras despregando unha gran pancarta de 14 metros esixindo o fin dos vertidos de augas contaminadas.
Activistas de Ecoloxistas en Accións e mariscadores da ría de Noia ocuparon este luns as instalacións da mina de San Finx para seguir a denunciar os vertidos de augas contaminadas con metais pesados.
E é que o recente inicio do procedemento por parte de Augas de Galicia para revogar a autorización de vertidos da mina non foi suficiente para frear as protestas. A día de hoxe,a plataforma non recibiu notificación oficial.
Aínda que a revogación da autorización é unha boa nova para a plataforma consideran que é insuficiente. Tanto as confrarías da ría de Muros Noia como as organizacións ecoloxistas levan anos demandando o fin dos vertidos para o que sería preciso o selado das galerías de desaugue así como a reinundación da mina para minimizar a formación de drenaxes ácidas.
O cambio de titularidade da mina que se fixo efectivo este verán engade aínda máis incertidume posto que se trata dunha empresa sen solvencia nin capacidade para asumir a compensación das perdas que se producirían en caso dunha catástrofe.