Preséntase a sexta edición do Móstrate Salnés, unha iniciativa a prol do empoderamento das mulleres

    RIBADUMIA > Nova edición do simposio MÓSTRATE SALNÉS, unha iniciativa que pretende trasladar ás mulleres que queiran lanzar un proxecto casos concretos doutras mulleres exitosas. A cita está programada para o vindeiro xoves en Ribadumia. O simposio achegará unha serie de experiencias exitosas de empoderamento feminino a aquelas mulleres que estean pendanso en emprender. A través de seis casos concretos, as persoas que participen poderán coñece-las claves para construí-lo seu proxecto cuns cimentos fortes, tentando salvar tamén os atrancos que poden ir aparecendo polo camiño. Segundo explican dende a mancomunidade do Salnés, organizadora do evento, o Simposio serve tamén para tecer lazos entre emprendedoras, creando sinerxías entre proxectos. E todo para que as mulleres atopen noutros casos un apoio que lles permita da-lo paso e aventurarse nunha nova andaina empresarial. Como simposios anteriores, nesta sexta edición terán un protagonismo especial as mulleres da zona. Desta volta serán dúas veciñas de Ribadumia as que conten a súa experiencia, unha coomo creadora de tocados e outra como obradora de botellas de viño, entendidas como pezas de arte. Elas estarán acompañadas doutra emprendedora de Vilagarcía. A xornada complétase coa visita dunha muller de Castelló que creou unha empresa de mandís vintage e tamén dunha xornalista tinerfeña, que afondará na súa actividade especilizada na comunicación gastronómica. Ademais, a xornada contará cunha experiencia internacional: unha manager musical da Arxentina, que explicará a súa faceta laboral por todo o planeta. A cita, o vindeiro xoves, a partir das cinco da tarde no Auditorio de Ribadumia.