PONTEVEDRA > Comisións Obreiras cre que o convenio de colaboración para a cidade infantil Príncipe Felipe, asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta, só serve “para saír do paso”. Así o indicaron os responsables da central, que tamén aproveitaron para reclamar que o centro acolla máis menores. Dende Comisións Obreiras cren que o convenio entre a Xunta e a Deputación de Pontevedra é unha oportunidade perdida para buscar solucións ás moitas necesidades sociais dos concellos da provincia, tendo en conta –din- o número de familias desestruturadas ou con problemas de adaptación que poderían ter cabida no Príncipe Felipe. Entenden dende o sindicato o convenio foi pechado en falso e que, a día de hoxe, é un luxo manter o centro por baixo da súa capacidade. Segundo os datos achegados polo sindicato, das 274 prazas das que dispón o centro, só están ocupadas a día de hoxe 198. Demandan que o centro traballo ó 100% da súa capacidade, porque entenden que co mesmo gasto se poderían atender a moitos máis menores, xa que –segundo din- o número de traballadores se mantería. Segundo o acordo entre administración provincial e autonómica, dos máis de 10 millóns de euros orzamentados para o Príncipe Felipe, a Xunta vai aportar uns 780.000. O centro, dependente da Deputación de Pontevedra, comezará a rexerse polo novo convenio o un de xaneiro. Será a partir dese día cando a Xunta faga efectiva a súa renuncia a facer uso do Servizo da Unidade de Primeira Acollida e acate que os informes técnicos do persoal provincial sexan determinantes á hora de decidi-la entrada ou saída de menores do centro. Ademais, a partir do primeiro día de 2018, o Príncipe Felipe deixará de acoller menores violentos e conflitivos.
Inicio PONTEVEDRA