PONTEVEDRA> Comeza a conta atrás para que a veciñanza de Pontevedra conte cun novo espazo singular na cidade. A finais de abril está previsto que finalicen as obras da zona de ocio que a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a impulsar na avenida Rafael Areses. Un espazo que contará cun parque infantil tradicional, unha área dedicada aos xogos de auga e unha gran zona verde para o esparexemento da cidadanía. A actuación enmárcase na estratexia Pontevedra Flúe.
Pouco falta xa para ver este espazo convertido neste outro. Os traballos na nova zona de ocio no Parque de Rosalía de Castro, na avenida Rafael Areses, avanzan a bo ritmo.
A primeira zona, de randeeiras tradicionais, estará dispoñible durante todo o ano. A segunda, a dedicada a xogos de auga, poderá gozarse sobre todo en primavera e verán. Contará con elementos diferenciados para ser accesible para todas as idades.
A actuación completarase cunha gran zona verde que rodeará os dous espazos de xogos. Un área para o esparexemento da veciñanza, gozando do aire libre á beira do río.
Esta actuación en Rafael Areses é un primeiro paso no proxecto que se impulsa dende a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para a recuperación da beira do río Lérez, no marco da estratexia Pontevedra Flúe.
As obras de reforma do Parque de Rosalía de Castro para a construción desta nova zona de ocio contaron cun investimento de case 375.000 euros.