O “Ana” leva polos aires un treito do paseo da Lanzada, en Sanxenxo

    SANXENXO > Quedou nun susto, pero puido ter graves consecuencias. Un treito duns 30 metros do paseo marítimo da Lanzada saíu voando polo aire. Foi ás 11 da noite e cuns refachos de vento que roldaban os 130 km por hora. Con esa intensidade, a estrutura de madeira acabou atravesando a estrada, dando un xiro polo aire de 180 graos. A esa hora da noite non circulaba ningún vehículo pola PO-308, o que evitou que a incidencia rematase con danos maiores. Esta senda peonil de madeira xa sufrira danos no temporal do pasado mes de febreiro. Daquela, o vento provocara unha situación semellante, o que implicou o reforzo de boa parte do paseo. Dase a circunstancia que sobre o tramo danado onte non se actuara, polo que dende o concello pídenlle á Xunta que se faga unha actuación global. A Xunta anunciou xa unha revisión de toda a estrutura para evitar que se repita un episodio como o desta noite. No resto do concello hai que lamentar caídas de árbores e valados de obra á vía pública. Outra das incidencias destacadas no municipio foi a caída de varias planchas dunha estrutura do campo de fútbol situado ó carón do colexio de Noalla. Con todo, o centro puido funcionar hoxe con total normalidade.