NOIA> A Xunta dá por rematada as obras de acondicionamento de toda a travesía urbana da AC-550, dende a zona da Barquiña ó centro da vila, na alameda.
A actuación, cun orzamento de millón e medio de euros, incluíu tamén a construción dunha rotonda no cruce alí existente, eliminando, de paso, un punto negro de circulación, no que se rexistraban un gran número de accidentes.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaba esta mañá a zona, para ver ‘in situ’ o resultado da intervención, que incluíu ademais da renovación da capa de rodaxe en todo o tramo, a redistribución do ancho da estrada, habilitando un itinerario peonil nunha das súas marxes, así como a renovación das beirarrúas e a reorganización dos aparcadoiros.
Segundo ela trátase dunha actuación importante, que virá a mellorar a seguridade viaria.
O alcalde, Santiago Freire, destacou tamén a actuación, que responde, segundo el, ó compromiso da Xunta co investimento no municipio.
Freire aproveitou tamén a visita da Conselleira para poñerlle deberes.
A titular de Planificación de Infraestruturas informaba tamén doutra actuación importante para o municipio, como é a construción do futuro centro de saúde.
Segundo ela as previsións pasan porque neste terceiro trimestre do ano poida saír a licitación a redacción do proxecto do novo dispensario.











