O Grove renuncia buscar un formato alternativo para a Festa do Marisco

O GROVE> Buscar un formato alternativo para a Festa do Marisco deste ano non está sobre a mesa do concello do Grove. O alcalde da vila defende que a celebración tal e como se coñece é incompatible con calquera medida para garantir a seguridade sanitaria fronte á COVID19. Para José Antonio Cacabelos, non tería sentido buscar outra fórmula, xa que ningunha serviría para cubrir o importante oco que deixa a festa na economía local.

A Festa do Marisco do Grove é outra das grandes citas que sucumbe á pandemia. O goberno local ve o formato tradicional incompatible coa aplicación das medidas sanitaria para evitar os contaxios por coronavirus.

Buscar un formato alternativo tampouco está entre os plans do goberno local. Segundo o alcalde, a festa perdería a súa esencia e o evento que xurdira neste escenario marcado pola COVID-19 non igualaría o poder de atracción nin de recadación da cita tradicional.

Por iso dende o goberno local piden responsabilidade e altura de miras. Para eles, a mellor opción é cancelar este ano a cita e voltar na seguinte edición con máis forza.

Cacabelos si explicou que están a estudar a celebración dalgún acto testemuñal da Festa do Marisco, como é a entrega das centolas de ouro. Pero, polo de momento, non é algo que estea decidido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí