A Policía Nacional conclúe que a morte do rapaz de 18 anos rescatado do Gafos foi accidental

PONTEVEDRA> A morte do rapaz de 18 anos que foi rescatado o martes do río Gafos en Pontevedra foi accidental. Así o confirman as investigacións da Policía Nacional, despois de ter acceso ás cámaras de videovixilancia da contorna. En canto á causa do falecemento, a autopsia apuntou que foi por afogamento.

A Policía Nacional desbota as diferentes versións que rodearon o falecemento do rapaz de 18 anos que a última hora da tarde do pasado martes foi rescatado do río Gafos, á altura da ponte da rúa Rosalía de Castro. A investigación aclara que se trata dunha morte accidental.

Tras caer da ponte, duns 6 metros de altura, o rapaz foi rescatado polos servizos de emerxencia aínda con vida do leito do río pero en estado moi grave. Finalmente faleceu cando era atendido no Hospital Montecelo.

O tráxico suceso tivo un gran impacto entre a veciñanza e deu lugar a numerosas teorías que foron descartadas pola investigación da Policía Nacional.