A ruta BTT volve centrar a programación deportiva do Nadal en Ribeira

RIBEIRA> Por oitavo ano consecutivo o departamento de deportes de Ribeira en colaboración con outras entidades, entre as que se atopa a Asociación Arousa NeO, volve a organizar a Ruta BTT de Nadal. A proba terá lugar o domingo sete de xaneiro, con saída ás nove da mañá dende o pavillón da Fieiteira. Como de costume a carreira terá un carácter non competitivo, constando de dous percorridos, un de 42 km e outro 30. O prazo de inscrición para participar na carreira xa está aberto, podéndose realizar ata o día 3 de xaneiro na web: www.galitiming.com. O prezo da inscrición é de seis euros. Aproveitouse ademais esta presentación para dar a coñecer a oferta de actividades deportivas de Nadal, na que se inclúen un Festival de Xadrez, o próximo 30 de decembro na Casa da Xuventude, unha xornada de ‘puenting’ o día 31 na ponte de Ceilán en Noia, o trofeo de reis de Tenis do 26 de decembro ó tres de xaneiro ou o clinic de fútbol base organizado polo Celta de Vigo.