Presentación da folla de ruta do turismo na provincia para o 2018-2020

Pontevedra> Esta mañá o salón de plenos do Pazo Provincial acolleu a presentación do Plan estratéxico de turismo 2018-2020. Un plan, que tal e como dixo a presidenta desta administración, conta con 5 liñas estratéxicas, 11 plans específicos e 40 accións concretas. Este plan conta cun orzamento de 12 millóns de euros e será a folla de ruta no turismo da provincia durante os vindeiros 3 anos. Alcaldes e técnicos de turismo dos municipios da provincia asistiron esta mañá á presentación do Plan estratéxico de turismo 2018-2020. Un evento no que estivo presente o humor de Carlos Blanco, e onde o deputado de turismo deixou claro que un dos obxectivos claros deste plan e converter a Pontevedra nun destino de excelencia e sostible. Pola súa banda a presidenta da Deputación dixo que este plan contempla a modernidade, a vangarda e as tradicións da nosa provincia. Un plan que conta con 5 liñas de estratexia claves. Carmela Silva dixo que o compromiso da Deputación ten que ser claro, que o turismo sexa o motor da provincia. E para isto centraranse en 5 liñas concretas. Turismo 20-20 é, segundo Carmela Silva, unha aposta de desenvolvemento real para a provincia de Pontevedra. Un plan que potencia aquelas zonas xa coñecidas da provincia e que lle da un pulo ao descoñecido, ao interior da provincia. Con este plan dende a deputación apostan por unha oferta turística clave que fomente a desestacionalización.