Os hostaleiros do Salnés auguran unha boa campaña de Nadal

    SALNÉS > Un clásico do Nadal son as ceas de empresa ou entre familiares e amigos. No Salnés, moitos hostaleiros notan estes días un incremento deste tipo de eventos, especialmente nos derradeiros días do ano, coa chegada á comarca de numerosos turistas procedentes de Portugal. O Nadal é tempo de reencontros, de moita comida e de celebracións. Un dos clásicos de entre os clásicos son as ceas de empresa e tamén as xuntanzas de familiares ou amigos en restaurantes. No Salnés, o sector nota un incremento paulatino do número de reservas a medida que se achegan as Festas. Seica a demanda é maior entre Noiteboa e o día de Reis, cunha data marcada en vermello no calendario: fin de ano. E é que cada vez son máis os que se animan a pasa-la derradeira noite do ano nun restaurante. Esa noite, ademais, hai un tipo de público moi fiel ó Salnés: familias enteiras procedentes do país veciño que escollen esta zona para celebra-lo ano novo. E sendo estas unhas datas tan sinaladas, os que cean fóra da casa aproveitan para gozar da gastronomía con maiúsculas. Coa escusa de estar no Nadal, seica que non estamos tan atentos á saúde da nosa carteira, senón que máis ben todo o contrario. Segundo un estudo, este ano as reservas en restaurantes para xantares e ceas de Nadal incrementouse no Estado un 140% con respecto ó ano pasado. Calcúlase que –de media- cada un de nós podería chegar a gastar uns 35 euros. Con todo, nas datas sinaladas destas festas boa parte dos enquisados estarían dispostos a gastar un chisco máis: chegando incluso ós 50 euros por persoa –de media-.