Pontevedra ‘mudará a vergoña de bando’ na súa campaña polo 25N e contará maltratadores en lugar de vítimas

PONTEVEDRA> Este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Pontevedra contará maltratadores en lugar de vítimas. Inspirado polo caso da francesa Giselle Pelicot, o concello decidiu na campaña deste 2025 mudar a vergoña de bando. Segundo os datos recollidos, entre o 2015 e o 2024 contabilizáronse en Galicia 12.976 homes condenados por sentenzas firmes por violencia machista.

No 2024, o caso de Giselle Pelicot sacudía o mundo. Seu exmarido foi condenado a 20 anos de cadea por drogala, violala estando inconsciente e convidar a máis de 50 homes para participar nestas agresións durante dez anos. Todos eles foron tamén condenados. Agora esta historia inspira a nova campaña do concello de Pontevedra para o 25N.

Por iso, este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Pontevedra contará maltratadores en lugar de vítimas. Segundo os datos recollidos, entre o 2015 e o 2024 contabilizáronse en Galicia 12.976 homes condenados por sentenzas firmes por violencia machista.

O concello acompañará esta campaña dunha programación que comezará xa o 30 de outubro. Ás 12 despregarase a instalación artística co lema da campaña. Haberá tamén catro faladoiros con mulleres representativas para reflexionar que se pode facer para combater a violencia machista. Tamén se proxectará o día 17 de novembro no Teatro o documental de Mabel Lozano sobre a explotación sexual.

Durante o mes de novembro haberá outras actividades, como o ciclo de Pioneiras no marco da programación previa aos Premios Feroz, ou un curso de defensa persoal e empoderamento. Ademais, o luns 17 no pleno darase lectura á declaración institucional co gallo do 25N, que este ano correrá a cargo da quenda de oficio de violencia de xénero do Colexio de Avogados.