Pontevedra inicia o cambio a LED de 2.300 luminarias da zona norte, co que aforrará un 77% na factura da luz

PONTEVEDRA> Xa está en marcha o cambio do alumeado público na zona norte de Pontevedra. Está a prevista a substitución de máis de 2.300 luminarias convencionais que pasarán a ser LED de alta eficiencia, cun aforro dun 77% respecto do consumo eléctrico actual. O proxecto contempla un reforzo específico da iluminación en pasos de peóns e en espazos peonís. A intervención, orzamentada en case 2,3 millóns de euros, finánciase con cargo ao convenio do concello coa Deputación.

Ata 2.300 luminarias da zona norte de Pontevedra serán substituídas nos vindeiros seis meses. O concello avanza así no cambio do alumeado público, pasando do convencional á nova tecnoloxía LED de alta eficiencia.

Así irase actuando en rúas como Cruz Vermella, San Antoniño, Benito Corbal, o barrio do Castañal ou A Parda. Tamén se renovarán 39 cadros de mando e protección, limparanse as columnas e repintaranse os báculos. Ademais, o proxecto inclúe un reforzo específico da iluminación para mellorar a seguridade.

A intervención está orzamentada en case 2,3 millóns de euros, e finánciase con cargo ao convenio que cada ano asina a Deputación de Pontevedra co concello capitalino.

Coa execución deste proxecto, estarán cambiadas a tecnoloxía LED o 83% das 24.000 luminarias públicas do concello, tanto no centro urbano como no rural. Quedarán pendentes para os vindeiros anos partes do centro histórico e algúns lugares das parroquias de Tomeza e Salcedo.