Seguen os rexeitamentos públicos ó macrovertedoiro de Lousame

    LOUSAME> Continúan as manifestacións de rexeitamento ao proxecto da construción da planta de xestión de residuos en Lousame. Aínda está en fase de tramitación, pero esta forma de tratar o lixo está levantando unha gran polémica en toda a comarca. Os últimos en amosar a súa oposición ao macrovertedoiro foron o BNG de Barbanza e Marea Ribeira.

     

     Desde o BNG do Barbanza considera que chamarlle ao proxecto “Centro de Xestión Ambiental” é un eufemismo. Creen que seguindo a liña de Sogama, o que se pretende facer en Lousame é unha planta de residuos industriais, algúns deles perigosos, co único obxectivo de soterralos. O BNG lonxe desta fórmula, aposta por un modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe e na reciclaxe. Por iso, a agrupación barbanzá anuncia unha campaña de información á veciñanza sobre o proxecto e as posibles alternativas que favorezan a concienciación social. Pola súa banda, Marea Ribeira, sinalou o modelo de Sogama como un fracaso das políticas mediambientais dos populares. Aseguran que o proxecto de Lousame degradaría a terra e poría en perigo a fonte de auga de moitos veciños. Amosa o seu apoio á plataforma veciñal contra o vertedoiro, e apostan por unha economía verde e sustentable, xeradora de postos de traballo de calidade. Para este próximo luns as Mareas do Barbanza convocaron unha reunión en Lousame para coñecer de primeira man a situación e falar cos veciños da zona afectada.