Rosa Quintana visita os novos pantaláns no Porto do Xufre

Nesta fría mañá de decembro tamén nos desprazamos ata A Illa de Arousa, concretamente a o Porto de Xufre, onde a conselleira do Mar visitou os novos pantaláns pesqueiros, que eran unha demanda do sector. A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar ven de investir preto de 700.000 euros na construción de pantaláns pesqueiros no Porto de Xufre. Uns traballos, xa finalizados, que darán servizo a unhas 300 embarcacións de terceira lista. Esta mellora súmase a outras que se levaron a cabo no Xufre, coas que o Patrón Maior da Illa, se mostrou satisfeito. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Xufre acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia, o presidente de Portos de Galicia, o alcalde do municipio e o Patrón Maior. Quintana destacou que a Xunta seguirá a avanzar no seu compromiso de ordenación do Peirao do Xufre. Cabe recordar que estes traballos xa se encontran en fase de licitación e contarán cun investimento do arredor de 4,4 millóns de euros contemplados nos orzamentos de Portos de Galicia, xa aprobados para o vindeiro ano 2018.