VILAGARCÍA> En Vilagarcía, hai un establecemento que está a celebrar o San Valentín visibilizando a diversidade afectiva. En Arosa Casa decoraron o seu escaparate con Elisa e Marcela, dúas mulleres da Coruña que lograron casar (e pola igrexa) no ano 1901, adiantándose máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España. A proposta deste tenda gusta a clientes e viandantes e mesmo á Asociación O Sonho de Lilith, que xa se interesou polas figuras do decorado.
Este San Valentín en Arosa Casa é unha homenaxe a Elisa e Marcela. O establecemento decorou o seu escaparate cunha escena de amor homosexual coa que visibiliza-la diversidade afectiva.
A historia non é para menos: estas dúas mulleres conseguiron casar, un século antes de que o matrimonio entre persoas do mesmo sexo fose legal en España.
A voda oficiouse nunha igrexa da Coruña en 1901, iso si, con Elisa facéndose pasar por home. A ledicia da parella durou máis ben pouco. Ao seren descubertas, foron perseguidas polas institucións. Acabaron exiliándose, primeiro a Portugal e despois á Arexentina. Carmen explica que, coa súa pequena homenaxe pretende tamén reivindica-los dereitos da muller.
A tenda acostuma decora-lo seu escaparate en función da época do ano. Son eles mesmos os que pensan e deseñan as súas propias creacións.
O seu escaparate de San Valentín está a xerar moitos seareiros. Gusta tanto a viandantes como clientes.
O éxito é tal que ata o colectivo feminista O Sonho de Lilith se interesou xa por estas particulares Elisa e Marcela.