A POBRA> A Garda Civil de Boiro detivo ó presunto autor de varios roubos con violencia cometidos nos últimos días en varios locais hostaleiros. Durante o rexistro ó domicilio do presunto autor dos feitos, localizáronse a máquina de tabaco e a caixa rexistradora subtraída dun dos bares o pasado luns.
Tras varios días custodiando a vivenda, a Garda Civil procedeu finalmente á detención do presunto autor dos roubos cometidos en varios bares da Pobra do Caramiñal das últimas semanas.
Os axentes tiñan fundadas sospeitas de que algúns dos obxectos roubados se atopaban no interior desta vivenda pero non puideron acceder ó seu interior ata que o propietario o autorizou cando prestaba declaración tras ser detido. Durante o rexistro procedeuse á recuperación dunha caixa rexistradora, unha máquina expendedora de tabaco e outros obxectos relacionados cos roubos como, por exemplo, unha chaqueta reflectante qye levaba posta o autor dos feitos segundo se recolle do visionado das cámaras de seguridade. O valor das máquinas, que serán devoltas ós seus propietarios, ascende ós catro mil euros.
O detido, un veciño da Pobra con antecedentes por feitos similares, foi posto a disposición xudicial acusado de tres delitos de roubo con forza. Non se descartan nova detencións.