POBRA> A aparición do corpo de Diana Quer supón o peor desenlace para un caso que, durante ano e medio, mantivo en vilo a todo o país. O relevo mediático que xerou a desaparición contribuíu a alimentar todo tipo de hipóteses sobre o paradoiro da moza. Dende que Diana desaparecera o 22 de agosto de 2016 na Pobra foron moitas as hipóteses sobre o que puidera ter acontecido. Co paso dos meses, as pescudas dos investigadores parecían descartar unha desaparición voluntaria e tódolos indicios apuntaban a unha retención contra a súa vontade. Esta hipótese cobrou aínda máis forza coa aparición do teléfono móbil de Diana en outubro do pasado ano preto da ponte sobre a autovía en Taragoña. Aínda que non se puido obter información relevante do teléfono, os axentes constataron que sufrira varios intentos de desbloqueo e que tentaran destruílo antes de tiralo ó mar. Sen embargo, a pesar destes avances, a falla de probas concluíntes levaron ó sobresemento provisional do caso en abril deste ano. A pesar do arquivo do caso, a Unidade Central Operativa da Garda Civil nunca deixou de investigar. Baixo a súa lupa sempre estivo El Chicle, principal sospeitoso da desaparición, do que só agardaban un novo tropezo para poder interrogalo. Tropezo que se producía o pasado día 25 cando o intento de agresión a outra moza, desta volta en Boiro, levou á súa detención., esclarecendo por fin o que pasou con Diana Quer. O caso péchase así da forma máis triste posible, especialmente para a familia de Diana que aínda albergaba esperanzas de atopala con vida.
Inicio BARBANZA