Telmo Martín asegura que está a recibir ‘moitas felicitacións’ pola reforma da parte final de Silgar

SANXENXO> Conta atrás en Sanxenxo para a estrea do renovado treito final do paseo marítimo de Silgar. Aínda que a data inicial para o remate dos traballos era este luns, finalmente a obra non estará rematada ata este venres. A actuación supuxo un reforzo da seguridade na balaustrada de pedra, material que agora se combina con barrotes de aceiro inoxidable. Creouse tamén  unha nova escalinata na parte final do paseo e habilitáronse novas zonas axardinadas. Ao mesmo tempo, estendeuse a plataforma única nun novo treito de Silgar. O alcalde asegura que está a recibir moitas felicitacións por esta intervención por parte da veciñanza.

Todas as ollas están postas estes días en Sanxenxo no treito final do paseo marítimo de Silgar. Aquí, está a piques de rematar a intervención que inclúe unha nova escalinata, novos xardíns e un novo treito de adoquín da plataforma única. Pero, sen dúbida, os grandes protagonistas desta actuación foron estes barrotes de aceiro inoxidable, que tanto deron que falar nas últimas semanas na vila e que dende agora, conviven entre pedra e pedra da emblemática balaustrada.

Este martes, o alcalde revisaba os últimos retoques. Dá por pechada a polémica da balaustrada, apelando á seguridade e reivindicando a estética do resultado final.

Asegura Telmo Martín estar recibindo moitas felicitacións polos traballos, aínda que hoxe en Silgar tamén había algunha queixa porque as obras aínda non remataron. O concello prometera que estaría todo listo para este luns pero, ao final, os traballos prolongaranse ata este venres.

Outra das grandes novidades é esta escalinata, construída na zona que se veu abaixo no inverno por mor dos temporais.

Tamén se ampliou a zona de plataforma única con prioridade peonial a un novo treito, entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro.

Un conxunto de actuacións que, polo xeral, gustan aos que pasean pola zona.

O concello xa ten en marcha o seguinte proxecto para esta zona: a creación dunha senda litoral que una Silgar con Baltar.

A previsión é que esa senda, que conta cun orzamento duns dous millóns de euros, estea rematada para o verán de 2027.