Vilagarcía faise con dous vehículos híbridos para vías e obras

VILAGARCÍA > O parque móbil de Vilagarcía conta dende hoxe con dous coches híbridos: a gasolina e gas. O Concello di que con estes dous vehículos fai unha aposta de futuro polo medio ambiente, aposta por alternativas de combustibles máis respectuosas co medio ambiente. Coa ollada posta no futuro e coas directivas europeas sobre carburantes sobre a mesa, o Concello de Vilagarcía decidiu apostar dende xa polas alternativas ós combustibles fósiles. Ravella adquiriu dúas novas furgonetas híbirdas, a gasolina e gas, destinadas ó servizo de obras e mantemento de vías públicas. Dende o goberno local indican que esta primeira adquisición de vehículos abre a porta a unha renovación global do parque móbil,aportando solucións locais a un problema global como é o cambio climático. A compra destes dous coches supuxo un desembolso de 22.000 euros. De cara ao futuro, o goberno local indica que seguirá apostando por este tipo de vehículos que, segundo indican, chegaron para quedar, converténdose nunha alternativa sólida ó gasóleo. De momento, estas dúas furgonetas funcionarán unicamente con gasolina, xa que na zona non hai ningunha estación de servizo con gas. Con todo, segundo indican dende Ravella, no Salnés xa hai en marcha un proxecto de creación dunha gasolineira que inclúe dispensadores de gas.