VILAGARCÍA> Concentración ás portas do Hospital do Salnés para denunciar o incremento das listas de agarda. O acto foi convocado por SOS Sanidade Pública, que denuncia que a Xunta está desmantelando o sistema sanitario para favorecer a empresas privadas, ás que deriva doentes. Aseguran que só na zona do Salnés hai 10.000 persoas en lista de espera. A concentración serviu tamén para reivindicar que durante o verán a ambulancia medicalizada que ten base no hospital non marche para Sanxenxo, para onde piden unha segunda unidade.
A reivindicación non é nova pero, segundo denuncian, cada vez é máis preocupante. SOS Sanidade Pública convocou hoxe unha concentración ás portas do hospital do Salnés para denunciar que na zona hai 10.000 persoas en lista de agarda.
Pídendelle á Xunta que reforce o sistema público.
Explican que no Salnés hai distintas especializades onde a lista de agarda é especialmente alarmante, como uroloxía, xinecoloxía ou traumatoloxía. Na concentración, ademais de persoal sanitario, tamén participaron representantes sindicais e do BNG. No Bloque acusan ao PP de desmantelar a sanidade pública para favorecer a empresas amigas.
Aproveitando a concentración, hoxe tamén levaron ata o hospital a reivindicación de que a ambulancia medicalizada que ten aquí a súa base non marche para Sanxenxo durante os meses de verán.
E aseguran que a campaña de recollida de sinaturas que teñen en marcha dende hai un par de semanas está a ter unha grande acollida entre a veciñanza. Hoxe, aproveitando esta concentración, despregaron a súa mesa diante do hospital, insistindo en que esta non é unha reivindicación para os traballadores, senón que vai en beneficio de toda a cidadanía.