Unha vaga de roubos afecta xa a dez chalés da urbanización cambadesa da Pedreira

CAMBADOS> Unha vaga de roubos mantén en alerta máxima aos veciños da urbanización da Pedreira, na parroquia cambadesa de Vilariño. Aínda que xa hai catro anos que se rexistraron os primeiros, nos últimos meses incrementáronse os asaltos. Os ladróns xa pasaron por dez das casas da urbanización e a preocupación é máxima. Por iso reclaman ao concello que tome medidas, entre elas máis presenza policial na zona.

Así viven os veciños da urbanización da Pedreira, na parroquia cambadesa de Vilariño. Dende hai catro anos sofren roubos nas súas vivendas; unha vaga que se intensificou nos últimos meses.

Fincas sen limpar e descoidadas, pouca iluminación na zona e practicamente nula presenza policial, son as condicións que forman o caldo de cultivo perfecto para que os ladróns actúen.

A día de hoxe, xa son dez as vivendas que sufriron roubos. Ata o momento non houbo que lamentar danos persoais, pero os veciños temen que o incremento na frecuencia remate por provocar algún enfrontamento entre os habitantes das casas e os ladróns.

Os veciños xa presentaron un escrito no concello de Cambados reclamando unha reunión para abordar a situación que están a vivir.

Pode levará a seguridade cidadá ao pleno

Cambados Pode recolleu as reclamacións destes veciños nunha moción que levarán ao pleno do vindeiro 30 de xaneiro. Segundo José Ramón Abal, o documento incorpora un paquete de medidas para recuperar a tranquilidade da veciñanza.

Na súa proposta, José Ramón Abal incorpora outras medidas para mellorar a seguridade. Entre elas, incrementar a iluminación pública na contorna da urbanización e revisar a rede noutros puntos de Cambados nos que se están a rexistrar fallos no funcionamento. O voceiro de Pode reclama, ademais, mellorar a limpeza das fincas que se atopan na parte traseira das vivendas da Pedreira. Unha delas é propiedade de Aguas de Galicia, polo que Abal insta ao executivo local a incoar os expedientes necesarios para que os propietarios realicen as tarefas de mantemento das parcelas. A proposta contempla tamén a instalación de cámaras de seguridade nas tres principais vías de acceso a Cambados: as avenidas de Vilariño, de Vilagarcía e de Castrelo, para incrementar a vixiancia nestas zonas. José Ramón Abal agarda que o seu paquete de medidas conte co respaldo unánime do pleno para, explicou, facer fronte a esta vaga de roubos que preocupa á veciñanza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí