RIBEIRA> Tráxico festivo nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Un veciño Muros perdeu a vida nun accidente acontecido no termo municipal de Outes de madrugada. En Ribeira, aínda que non houbo que lamentar vítimas, o susto foi tremendo despois de que un vehículo invadira unha zona peonil a gran velocidade colidindo contra o mobiliario urbano.
Afortunadamente todo quedou nun susto aínda que o suceso puido ter tráxicas consecuencias. Pasadas as seis da tarde do día festivo, co Malecón de Ribeira ateigado de xente, un vehículo irrompeu a toda velocidade na rúa peonil Campo de Marte. Colidiu contra o mobiliario das terrazas, nas que había numerosos clientes, e arrancou unha papeleira.
Na zona atopábanse dous gardas civís que iniciaron as pescudas para identificar ó condutor que foi localizado horas despois en Aguiño.
Ó practicarlle a proba de alcoholemia arroxou un resultado que cuadriplicaba o límite legal permitido. Comprobaron ademais que o condutor, veciño da Illa de Arousa, se dera á fuga horas antes do suceso tras saltarse un control de Tráfico en Boiro.