‘O Chicle’ será trasladado á prisión da Lama

 

BARBANZA> O Chicle será trasladado  dende Teixeiro ó cárcere da Lama.  A xunta penitenciaria pretende así evitar represalias por parte doutros presos relacionados co Clan dos Fanchos ó que pertenceu no pasado o presunto autor da morte de Diana Quer.

Está previsto que o traslado se efectúe mañá a primeira hora, despois de que a xunta penitenciaria acordase o ingreso de José Enrique Abuín no cárcere pontevedrés da Lama. A decisión de trasladalo dende a prisión de Teixeiro, onde permanece dende o pasado un de xaneiro, responde a motivos de seguridade. E é que no penal coruñés podería coincidir con outros membros do clan dos Fanchos, condenados por tráfico de drogas no marco da Operación Piñata, na que tamén foi procesado o Chicle que conseguiu rebaixar a súa condena inculpando a outros membros da organización.

Á espera de que se materialice o traslado permanece no módulo de ingresos baixo o protocolo de prevención de suicidios. A pasada tarde mantiña un encontro co seu avogado quen indicou que O Chicle segue mantendo a versión do atropelo. Versión que, previsiblemente, quedaría desmontada unha vez se coñezan os resultados definitivos da autopsia. Paralelamente, á investigación segue o seu curso e está previsto que ó longo desta semana se leve a cabo un rexistro na nave de Asados onde apareceu o corpo de Diana na busca de novas pistas que axuden a reconstruír o que lle aconteceu á moza antes da súa morte.