O PP pídelle a Carmela Silva que colabore na comarcalización dos parques de bombeiros

 

PONTEVEDRA> O PP reitera a necesidade de comarcaliza-los parques de bombeiros da provincia de Pontevedra. Os populares pídenlle á presidenta da Deputación que colabore co goberno galego no proceso de transformación dos parques municipais –como o de Pontevedra-  nun servizo que responda ás necesidades das comarcas. Dende o ente provincial responderon xa ás acusacións do PP: din que para levar a cabo a comarcalización dos parques, o primeiro que ten que facer a Xunta é falar cos concellos afectados.

O PP volve poñer sobre a mesa a comarcalización dos parques de bombeiros da provincia de Pontevedra. Iso suporía que os bombeiros municipais de Pontevedra e Vigo, que actualmente só prestan o servizo neses territorios, ampliasen o seu campo de actuación a outros municipios próximos.

Os populares aseguran que a Xunta ten boa predisposición para levar a cabo este proxecto e acusan á presidenta da Deputación de Pontevedra de obedecer unicamente as ordes do alcalde de Vigo. O PP ínstalle a Carmela Silva a que exerza o seu peso político e demostre que é ela a que realmente manda no ente provincial.

Acompañados por varios alcaldes populares da zona, o grupo provincial do PP anunciou que van presentar unha moción no vindeiro pleno da Deputación para que o organismo provincial asuma esa transformación dos parques de bombeiros de Pontevedra e Vigo, implicándose tamén no seu desenvolvemento económico. Segundo os populares, o que se trata é de evitar desgrazas e garantir que os bombeiros cheguen a tempo ás emerxencias.

O goberno da Deputación de Pontevedra responde ós populares que para levar a cabo as comarcalizacións, primeiro hai que falar cos alcaldes afectados, é dicir, cos de Vigo e Pontevedra, ós que pertencen os parques municipais de Bombeiros. Ademais, dende a Deputación aproveitaron para cuestionar o modelo de comarcalización proposto polo PP, porque seguiría deixando zonas de sombra sen cobertura e seguiría sen cumpri-los tempos de resposta.