O ‘Nigeria’ volve ás andadas

POBRA> A Garda Civil procedeu á súa detención polo roubo de diversas ferramentas por valor duns tres mil euros que estaban almacenadas nun local municipal.

O material roubado atopábase almacenado nesta nave de propiedade municipal no lugar do Camiño Ancho. Foi o propio encargado de Obras do Concello o que se decatou da desaparición das ferramentas e interpuxo a correspondente denuncia. As investigacións realizadas pola Garda Civil propiciaron a detención dun veciño da localidade, con iniciais R.S.G., quen ó parecer xa as puxera á venda nun negocio destinado ó comercio de obxectos de segunda man. Os axentes conseguiron recuperar a maior parte das ferramentas substraídas a excepción dunha lixadora. Os feitos xa foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda de Ribeira que é quen instrúe agora as dilixencias. Dáse a circunstancia de que este individuo, coñecido coma o ‘Nigeira’, que conta xa con numerosos antecedentes policiais por este tipo de feitos, era a persoa a que o Concello lle autorizara o uso de xeito temporal  coma vivenda social da antiga escola unitaria do Camiño Ancho, lugar na que se atopa precisamente a nave municipal onde se substraeu a ferramenta.