Moitas novidades na xornada de portas abertas da Escola Náutica de Ribeira

RIBEIRA> Son moitas as novidades que ofrecerá a Escola Náutico Pesqueira para o vindeiro curso e que xa se poden coñecer nestas xornadas de portas abertas que se están a desenvolver. A principal reside na adquisición de novos equipos de simulación que se instalarán proximamente e suporán unha importante mellora na formación curricular dos alumnos. De cara tamén ó próximo curso, a dirección do centro ten solicitado á Mariña Mercante as homologacións para expedir novas certificacións como, por exemplo, as do curso de formación  básica en protección marítima ou competencias en rescate e prevención de incendios. Tamén incluirán entre a súa oferta formativa unha nova titulación académica referida ó armado, montaxe e mantemento das artes e aparellos de pesca dirixido a redeiras. As persoas que entre este mércores e xoves se acheguen ata o centro poderán coñecer de primeira man non só estas novidades senón a ampla oferta formativa desta escola que na actualidade conta con aproximadamente cento corenta alumnos nos ciclos de ponte e máquinas. Aparte da formación regrada oferta todo tipo de titulacións requiridas para o sector. Este tipo de xornadas permiten ademais coñecer as necesidades das empresas da zona para adaptar o calendario e a oferta educativa.