O PRUX de Cortegada non afecta aos sectores produtivos

VILAGARCÍA> A Xunta de Galicia presentou esta mañá o Plan Rector de Usos e Xestión da Illa de Cortegada. Fíxoo ante os diferentes sectores que que se poderían ver implicados por este regulamento, aínda en fase de tramitación inicial. A reunión desta mañá si serviu para despexar dúas das preocupacións principais: non restrinxirá as zonas de marisqueo nin modificará os copos de visita á illa.

A Xunta avanza na tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión da Illa de Cortegada, incluída nas Illas Atlánticas de Galicia. A directora xeral de Patrimonio Natural presentou o plan en Vilagarcía, nun encontro que serviu para tranquilizar os sectores produtivos.

Sectores produtivos do mar, empresas turísticas, asociacións veciñais e entidades de Carril e representantes do goberno local estiveron presentes nesta reunión. O documento aínda está en fase inicial de tramitación.

O rexedor aproveitou a reunión para reclamar á Xunta que se dote á illa de Cortegada para a loita contra os posibles lumes. Tamén para pedir a posta en marcha dun centro de interpretación.

No marco do proxecto tamén se deseñará un programa de axudas para crear iniciativas económicas competitivas e elaborarase un programa de mantemento de actividades tradicionais compatibles co parque.