VILAGARCÍA> Vilagarcía convértese na capital galega do ciclismo. A cidade acollerá este sábado a Gala Galega do Ciclismo. A elección deste municipio, segundo explica a organización, non é casual. Queren que sirva de recoñecemento ao ‘modelo de cidade’ e á súa aposta pola implantación das ciclovías.
A cita é este sábado no auditorio municipal de Vilagarcía. A Federación Ciclismo Galego recupera a súa gala e faino dende a capital de Arousa. O ano pasado o evento non se puido celebrar, polo que nesta ocasión festexaranse os éxitos de dúas temporadas. Entregaranse os premios dos Campionatos e Copas de España do 2020 e 2021, pero tamén subirán ao escenario os triunfadores dos Rankings autonómicos.
A elección de Vilagarcía para a celebración desta gala non é casual. A Federación escolleu a cidade pola súa aposta, din, pola mobilidade sostible. En especial, pola implantación das ciclovías e do fomento do uso da bicicleta como medio de transporte alternativo.
Ademais, o evento servirá para render homenaxe a Gustavo César Veloso, que colgou a bicicleta na tempada pasada.
A Gala seguirá un estrito protocolo. Para acceder ao auditorio vilagarcián haberá que presentar o certificado de vacinación coa pauta completa ou o resultado dun test de antíxenos e máscara FFP2.