VILANOVA> Novo capítulo na polémica polo transporte na comarca do Salnés. Se onte era o alcalde de Vilagarcía o que defendía a creación dunha área de transporte metropolitano, hoxe o presidente da Mancomunidade volveu cargar contra esa proposta. Gonzalo Durán asegura que é inviable poñer en marcha ese modelo sen antes implantar unha área metropolitana, unha figura xurídica de integración de servizos entre municipios. Dende a Xunta aclaran a Canal Rías Baixas que para crear unha área de transporte metropolitano non hai que implantar antes unha área metropolitana.
As declaracións cruzadas entre o alcalde de Vilagarcía e o presidente da Mancomunidade do Salnés a conta do transporte na comarca viviron hoxe un novo capítulo. Gonzalo Durán volveu cargar contra a proposta vilagarciá de creación dunha área de transporte metropolitano. O tamén rexedor vilanovés asegura que implantar ese modelo é imposible sen antes crear unha área metropolitana entre os concellos implicados.
Pero o certo é que hai casos en Galicia que desmontarían esa teoría. Na Coruña ou en Ferrol, por exemplo, existen áreas de transporte metropolitano, pero non áreas metropolitanas. Unha posibilidade que Canal Rías Baixas tamén confirmou con fontes do goberno galego. Exposta esta situación ó Presidente da Mancomunidade, Durán asegurou que a el -de entrada- non lle dixeran nada do transporte, que o que propuxeran dende Ravella era unha área metropolitana ó redor de Vilagarcía.
O tamén alcalde de Vilanova tamén foi preguntado pola petición de Ravella de levar a proposta do transporte comarcal que defende el defende ó pleno da Mancomunidade, do mesmo xeito que irá a votación a proposta de Vilagarcía de crear una área de transporte metropolitana.
Así que conclúe Durán que hai dúas opcións: ou o alcalde de Vilagarcía, dixo textualmente ‘non se entera’ ou minte.