NOIA> O alcalde de Noia mantivo unha xuntanza de traballo co equipo redactor do proxecto de construción do novo depósito de abastecemento de auga. Esta actuación, orzamentada en novecentos mil euros, porá fin ós problemas de turbidez de auga que se viñeron rexistrando no municipio.
O concello de Noia trasladou ós técnicos da empresa adxudicataria do proxecto as principais necesidades da actual rede municipal, cun importante problema na capacidade de almacenamento. Problema que se solventará unha vez executada esta obra que contempla a construción dun novo depósito con capacidade similar ó actual.
Tamén se realizarán melloras no sistema de captación e potabilización da auga para garantir a calidade do subministro e acabar cos frecuentes problemas de turbidez que rexistra a traída municipal.
Cómpre lembrar que o concello xa acometeu pequenas obras de mellora para garantir o mellor abastecemento mentres non se executan as obras.
Unha vez presentado o proxecto definitivo procederase á licitación nas próximas semanas. Prevese que estean rematadas ó longo de 2019.