O BNG fará chegar a tódolos fogares de Ribeira o seu boletín informativo

RIBEIRA> Na publicación recóllense temas de máxima actualidade da política local.

O grupo municipal do BNG faralle chegar a tódolos fogares do municipio durante este mes de xaneiro un boletín no que pretenden achegarlle ós veciños información daqueles asuntos da actualidade municipal que máis lle preocupan. Con el queren tamén cumprir unha das súas promesas electorais.

Precisamente un dos temas abordados nesta publicación garda relación cos proxectos de reordenación urbana e peonalización que se están a levar a cabo actualmente na cidade, nas que a formación ten tamén moito que dicir.

No boletín tamén se recollen outros temas de interese na política local como poden ser a falla de mantemento e limpeza nas instalacións públicas, a mala planificación do equipo de goberno no que ten que ver cos problemas da nova EDAR ou do actual mercado. Outro dos apartados do folleto informativo son tamén as medidas ou propostas que os nacionalistas pretenden levar a cabo como alternativa seria e de cambio para o municipio vinculadas ó fomento do transporte público, a mellora do emprego ou a aposta polas parroquias, entre outras.