Luz Verde ó proxecto da Fundación Ría para a humanización da estrada comarcal do Barbanza

BARBANZA> O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración coa Fundación Ría para a humanización da estrada comarcal AC-305 ó longo do Barbanza. Estudaranse os puntos máis conflitivos para mellorar a seguridade tanto de peóns como de condutores.

O investimento desta actuación ascende a máis de 212 mil euros dos que a Xunta achegará 127 mil euros e o resto correrá a cargo da fundación. O obxectivo deste proxecto, impulsado pola fundación presidida polo arquitecto David Chipperfield, é mellorar a mobilidade nesta estrada que atravesa os principais núcleos de poboación da comarca do Barbanza.

n primeiro lugar, levarase a cabo unha análise global do ámbito que percorre a estrada para identificar os puntos que precisan dunha intervención. Unha vez efectuadas as diagnoses específicas, elaboraranse as directrices para intervir en cinco ámbitos urbanos considerados puntos de conflito.

Tomaranse como criterios a mellora da seguridade viaria para peóns e condutores así como a recuperación da identidade urbana dos núcleos de poboación. Para ilo, o convenio contempla a colaboración activa dos concellos no deseño de propostas incorporando as apreciacións municipais en cada unha das actuación. Ademais do incremento da seguridade, o obxectivo da actuación é humanizar esta vía interurbana ó seu paso polos pobos promovendo unha mellor mobilidade.