Turismo de Galicia pon en valor a contorna do hórreo do Araño

RIANXO> A Xunta de Galicia colaborará co concello de Rianxo na mellora da contorna do hórreo do Araño. A actuación, cun orzamento que supera os 215 mil euros no seu total, concentrarase na reordenación da zona e o acondicionamento dos accesos para favorecer o percorrido por un dos bens patrimoniais máis visitados da comarca.

O director da Axencia de Turismo de Galicia e o alcalde de Rianxo asinaban esta mañá un convenio para a posta en valor do hórreo do Araño. Xosé Manuel Merelles desprazouse ata a contorna deste ben patrimonial para oficializar o acordo que permitirá acondicionar os accesos e reordenar os espazos favorecendo a visita ó hórreo máis longo de Galicia.

O alcalde, Julián Bustelo, destacou a importancia desta actuación posto que se trata dun atractivo turístico que congrega a miles de visitantes cada ano, encravado ademais nunha contorna patrimonial de gran valor.

A intervención suporá un investimento de máis de 200 mil euros dos que a Axencia Galega de Turismo asumirá o 65 por cento.