A Andaina Solidaria de Lousame recada 1500 euros para ASPOGH

LOUSAME> A Andaina Solidaria de Lousame conseguiu recadar máis de 1500 euros para a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. Un cento de persoas participou nesta cita deportiva que tivo lugar esta fin de semana coincidindo coa celebración do Pequetrail.

O frío non foi impedimento para os participantes na quinta andaina solidaria de Lousame que a primeira hora da mañá partiron da carballeira de San Lourenzo para completar unha ruta circular. Na proba tomaron parte máis dun cento de persoas ós que hai que sumar outras tantas inscritas na categoría de dorsal solidaria co que a inscrición ascendeu a 230 conseguindo recadar máis de 1500 euros en beneficio da asociación galega de heteroplasia ósea progresiva.  Esta cifra aínda se pode incrementar posto que continúa aberta a inscrición para o dorsal solidario e poden realizarse doazóns que se entregarán o próximo domingo día 26 ó rematar o Trail San Silvestre de Lousame.

Aínda que a proba absoluta terá lugar a vindeira fin de semana, este domingo tamén tivo lugar un anticipo co Pequetrail no que tomaran parte unha vintena de pequenos corredores. Nas dúas probas participaron voluntarios do Club Lousame Deporte, o Club Trabandainas de Noia e da Cruz Vermella.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí