Noia acollerá en xullo un curso de turismo da UDC

NOIA> O semitario terá lugar do 2 ó 4 de xullo. As charlas estarán abertas tanto a alumnos coma a profesionais do sector e tamén a poboación en xeral. Por primeira vez Noia acollerá un curso de verán da Universidade da Coruña. Desenvolverase do 2 ó 4 de xullo na Casa de Cultura e versará sobre turismo. A actividade, presentada no Concello, incluirá diversos apartados nos que se afondarán sobre distintos aspectos relacionados con estes sector e os factores estratéxicos para o desenvolvemento dun determinado territorio. O curso, aberto tanto a alumnos coma a profesionais do sector, incluirá poñentes da zona e charlas vinculadas directamente con esta comarca, como as que analizarán a importancia do Camiño de Santiago e a marca Portus Apostoli. A inscrición para participar neste curso de verán xa está aberta. Os interesados teñen ata o próximo 27 de xuño para facelo a través da páxina web da propia Universidade. Terá un custe de 50 euros, que se reduce a 30 para universitarios e desempregados.