Aires de Pontevedra porá o broche de ouro á homenaxe a Ricardo Portela

Pontevedra> Pontevedra, Vigo e Cerdedo e Cotobade acollerán o ciclo de concertos que pecharán os actos de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela, con motivo do 25 aniversario do seu falecemento. A cita na Boa Vila terá lugar o 27 de xaneiro ás nove da noite no Teatro Principal.

Entre finais deste mes e comezos de febreiro a figura de Ricardo Portela estará moi presente nos concellos de Pontevedra, Vigo e Cerdedo e Cotobade. Estes municipios acollerán o ciclo de concertos que pecharán os actos de homenaxe ao gaiteiro con motivo do 25 aniversario do seu falecemento.

O 20 de xaneiro o concerto terá lugar en Vigo no Auditorio Municipal ás nove da noite, o 27 deste mes o Teatro Principal de Pontevedra acollerá este evento. Un ciclo de concertos que rematará o 3 de febreiro cun directo no Auditiorio de Cerdedo e Cotobade ás sete da tarde.

Óscar Ibáñez, xunto ao seu grupo Tribo, serán os encargados de protagonizar estes concertos denominados Aires de Pontevedra. Ibáñez di que estes concertos serán aptos e aconsellables para todos os públicos.

Estes concertos contarán con moitos convidados especiais, como Begoña Riobó, Anxos Pintos ou Xosé Liz. Estes Aires de Pontevedra será ademais unha cita de balde para todo aquel que queira desfrutar da nosa tradición musical.