RIBEIRA> A rápida intervención dos medios de contención evitou que a contaminación chegase á costa.
Un amplo operativo de emerxencias continuaba esta mañá traballando na zona na que se detectou a mancha de fuel, na boca da Ría de Arousa, entre a illa de Rúa e a costa de Ribeira Ademais do Don Inda e a Salvamar Sargadelos, mobilizáronse ata o lugar os buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño, ademais das patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira do Servizo de Gardacostas. A alarma saltou onte pola tarde, ó redor das dúas, cando un avión de Salvamento Marítimo que realizaba un voo rutineiro de observación detectou unha unha gran mancha. Foi nese momento cando a Xunta decidiu activar de inmediato o plan de contaminación mariña en nivel de alerta 2 ante a gran extensión da mancha que ocupaba unha superficie de 1300 por 500 metros.
Capitanía Marítima abriu xa unha investigación para determinar a orixe do vertido. Todo apunta a que podería tratarse dalgún sentinazo dalgún buque que navega pola Ría.
O patrón maior de Ribeira agarda a que a investigación siga o seu curso e aclare a autoría deste grave atentado medioambiental.
Ademais, para evitar maiores riscos, o Intecmar procedeu tamén ó peche do polígono de bateas Ribeira B, o único da zona que se atopaba aberto.