Sarela abrirá un punto de información en Rianxo

RIANXO> A asociación de Dano Cerebral Adquirido, Sarela, e o concello de Rianxo chegaron a un acordo para que a entidade, radicada en Santiago, abra na localidade un punto informativo especializado, semellante ó que posúe dende hai anos en Ribeira, no hospital da Barbanza.

Estará emprazado nas dependencias de Servizos Sociais, e nel darase servizo tamén ós concellos de Dodro e Lousame.

Dende a entidade agradeceron ó Concello a boa disponibilidade á hora de permitirlles poder abrir este punto de información e asesoramento ás familias afectadas por este tipo de doenza.

A atención será gratuíta e con cita previa a través do teléfono de Sarela 981-57 70 37 ou ben a través dos propios departamentos de servizos sociais dos concellos.

O obxectivo destes puntos é achegar a información ás familias con DCA que viven máis lonxe de Santiago e detectar as súas necesidades de atención

Ademais da posta en marcha deste punto de información, Sarela quere achegar tamén a realidade do DCA á poboación xeral a través de diferentes actividades.

A primeira delas terá lugar xa este vindeiro mércores 28, ás cinco da tarde, no auditorio municipal.

Será unha charla dirixida á poboación xeral na que se abordarán aspectos xerais sobre o dano cerebral como poden ser as causas, a prevención ou os recursos de atención, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí