Indignación en San Roque do Monte por unha veciña que pechou parte do campo da festa cuns testos

VILANOVA> En San Roque do Monte, no Concello de Vilanova, están indignados cunha veciña que decidiu pechar parte do campo da festa con testos. O terreo pertence á muller, aínda que na zona todos lembran ese espazo como unha zona empregada para as festas ou mesmo como aparcadoiro.

Este matraquillo está estacionado aquí en sinal de protesta. É a resposta dos veciños de San Roque do Monte a isto: a instalación destes testos por parte dunha veciña delimitando esta leira. A parcela é propiedade desa muller, pero seica é empregada dende sempre como aparcadoiro e como parte do recinto das verbenas.

Na leira da discordia atopamos tamén un cruceiro. Cóntannos os veciños que noutrora, ó seu pé soterrábanse os nenos que morrían antes de seren bautizados: outro exemplo máis, din os veciños, do carácter social do terreo.

Ermitas asegura que incluso a súa nai, con máis de 90 anos, lembra este espazo como unha zona común, de tránsito e encontro veciñal.

A muller dona da parcela seica reside en Vigo, pero que acostuma vir a Vilanova algún que outro día á semana. Con todo, os veciños aseguran que é imposible falar con ela. Pídenlle que entre en razón e que demostre, con documentos, que esta terra lle pertence.

Os veciños aseguran que este non é o único caso no lugar no que os espazos usados por todos antes, agora pasaron a mans privadas como, segundo nos contan, é o caso deste xardín. Ermitas di que ten forzas para loitar polo de todos e que irá ata o final para que o campo da festa volva ser o que era.

Os veciños afectados xa mantiveron unha xuntanza co alcalde de Vilanova para que interceda e os polémicos testos desaparezan canto antes.