As pastelerías traballan sen descanso ante a gran demanda da Semana Santa

VILAGARCÍA> Semana chave para as pastelerías con vista no día da Pascua. As roscas e ovos aumentan as súas vendas cada ano. Un establecemento pode chegar a vender máis de 700 roscas nestas datas.

Se es dos que lle gusta coidarse, controlar a comida ou estás a dieta, esta semana teralo moi complicado porque a tentación do doce estará por todas partes. Os escaparates das pastelerías amosan os seus produtos máis demandados na Semana Santa. Os pasteleiros están a dedicar moitas horas de traballo para cubrir toda a demanda. E lonxe de ir a menos é unha tradición que aumenta cada ano.

A demanda é tan ampla que un establecemento pode chegar a vender máis de 700 roscas na comarca do Salnés. E a iso hai que sumar os ovos de pascua e as diferentes figuras de chocolate. Este ano o prezo da rosca é de 13 euros o quilo e no caso dos ovos e as figuras de chocolate, os prezos poden variar dos 7 ós 50 euros. A maioría das compras fanas os padriños e madriñas pero sempre están os que aparcan a dieta para darse unha alegría.