Batería de obras en Caldas por un importe dun millón de euros

CALDAS> O Concello de Caldas pon en marcha unha batería de obras  que o goberno local cualifica de “esenciais para a calidade de vida dos veciños”. Tódolos proxectos están xa adxudicados e moitos deles mesmo van comeza-la semana que vén.

O executivo local divide as melloras en cinco liñas actuación. A primeira delas arrancará a vindeira semana. Trátase do saneamento en Casalderique, na parroquia de San Clemente, cun orzamento de 170.000 euros. Tamén se vai cubri-la grada do campo de fútbol. Para este proxecto, que tamén comezará, axiña, o goberno local destinará 42.000 euros. Outra das actuacións prevista é a instalación dunha nova área de xogos infantil en Parque Xardín, despois de que un acto vandálico queimase varios dos elementos das actuais instalacións. A este proxecto, hai que sumar outras dúas actuacións en parques infantís.

A Casa do Concello tamén terá reformas: instalarase novas fiestras, para soluciona-los problemas de illamento, repintaranse varias estancias e adquirirase novo mobiliario. A isto, hai que engadi-lo asfaltado de varios camiños das parroquias de Saiar, San Andrés e Arcos da Condesa.

Todos estes proxectos máis a reforma das rúas Loureiros e Pozas, suman un investitmento total dun millón de euros. A reforma destas dúas rúas, por certo, encara xa a súa recta final. Segundo o rexedor, se o tempo acompaña, a mediados da vindeira semana estas dúas actuacións deberían quedar xa rematadas.