Cardecide, en Cuntis, presume dun alumeado de Nadal feito polos veciños

CUNTIS > En Cardecide, no Concello de Cuntis, o Nadal vívese dun xeito diferente: os seus veciños botaron man do enxeño e, dende hai uns anos, decoran eles mesmos a aldea con luces do máis variadas. Din que a iniciativa –ademais de unir ós veciños- serviu incluso para atraer turistas á zona. Son uns 60 veciños e tan só 22 casas. Pero o Nadal en Cardecide, en Cuntis, ten un sabor diferente ó do resto de Galicia. Dende hai uns anos, os seus veciños decoran tódalas casas da aldea con adornos e luces de tódalas cores posibles. A idea xurdiu cando un veciño do lugar volveu da emigración en Suíza. Naquel país decora-las casas durante estas festas é unha tradición moi arraigada, que co seu retorno tamén se implantou en Cardecide. Despois de moitos preparativos e moitos días de traballo, o día da súa inauguración, os veciños reúnense para celebralo, cunha chocolatada na que participa toda a aldea. Esa é, precisamente, a esencia do Nadal en Cardecide: todas as familias unidas, creando comunidade. A aldea queda tan rechamante, que mesmo hai xente que vai ata Cardecide facer “turismo de Nadal”. O alumeado de Nadal en Cardecide acende tódolos días, con puntualidade, ás 18.30 da tarde. Poderase visitar ata o día de Reis.