As obras do instituto Aquis Celenis de Caldas estarán rematadas en abril

CALDAS>  As obras do instituto Aquis Celenis de Caldas estarán rematadas en abril. Esa é, cando menos, a previsión da Xunta. Esta mañá o Conselleiro de Educación visitou o centro para supervisar os avances nos traballos. Aquí o goberno galego está a investir máis de 5,3 millóns de euros, nunha obra que Román Rodríguez cualificou de ‘complexa’.

O instituto está a sufrir unha ampliación en vertical, engadindo unha nova altura ao edificio. O obxectivo é crear novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes maiores, ampliándoo polo lateral para crear un novo ximnasio de máis de 200 m² e un porche cuberto.

 Como consecuencia da ampliación tamén se coloca unha nova cuberta de panel sándwich de 3.000 m². Tamén se está a mellorar a eficiencia enerxética do edificio xa existente, renovándose a envolvente e co cambio de 370 fiestras e 12 portas. No interior estanse a instalar case un milleiro de liminarias led.  A maiores, colócanse 42 módulos de paneis fotovoltaicos.

Nestes momentos, a interverción está executada ao 70% e agárdase o seu remate para o mes de abril, dentro do curso 2025/26, tal e como estaba previsto.