Sae a licitación pública a explotación do albergue de Toxosoutos

LOUSAME> A convocatoria xa saiu publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado xoves.

Segundo informaron fontes do propio Concello a concesión será por un período de dous anos, prorrogable por un ano máis, e cun orzamento base de licitación de 2.904 euros, IVE incluído. As persoas ou empresas interesadas dispoñen de trinta días para presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello. A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto á oferta máis vantaxosa, se ben haberá tamén varios criterios de adxudicación distintos ó prezo como poden ser a relación de recursos humanos dispoñibles, o programa de actividades complementarias ou as propias tarifas que terían que aboar os usuarios do albergue. O Concello porá ademais a disposición do adxudicatario tres fincas de natureza rústica na parroquia de San Xusto, entre douscentos e cinco mil metros cadrados de superficie, e tres bens de natureza urbana, como son a antiga reitoral, unha edificación anexa e o muíño, que dispoñen de auga, luz e depuración de augas residuais. Toda unha contorna que está cedida ó concello de Lousame polo Arcebispado de Santiago de Compostela por un período de 30 anos, en virtude dun convenio asinado xa en marzo de 1996 para destinalo a actividades de carácter cultural, social, educativo e turístico.