Noia dixitaliza máis de 50 mil fondos do seu arquivo grazas a unha subvención da AMTEGA

NOIA> Unha subvención da AMTEGA permitiu ó concello de Noia continuar co proceso de modernización do seu arquivo. A concellería de Cultura leva investidos máis de 80 mil euros na dixitalización dos fondos co fin de garantir a súa conservación.

O concello de Noia está inmerso na dixitalización do seu arquivo histórico e administrativo. En 2019 iniciaba os traballos que se dividiron en varias fases e que agora veñen de recibir o empuxón definitivo grazas a unha axuda da Amtega de máis de 30 mil euros.

A empresa Reproutlet foi a encargada de converter en arquivos dixitais máis de 50 mil documentos que forman parte do arquivo noiés. Ademais de garantir a súa conservación, a súa dixitalización e volcado no repositorio Galiciana permite unha maior transparencia e facilidade de acceso á documentación.

Ademais da dixitalización do arquivo, o concello ten previsto tamén acometer unha mellora nas súas instalacións posto que se trata dun arquivo moi visitado por historiadores que data do ano 1559.