NOIA> A Policía Xudicial da Garda Civil de Noia investiga o posible intento de secuestro denunciado por unha estudante. Os indicios existentes ata o momento apuntan a que se puido tratar dunha broma de mal gusto que xerou unha grande alarma social entre a veciñanza.
Eran as oito e media da mañá cando a rapaza camiñaba por esta céntrica zona de camiño ó instituto. Á altura da ponte de San Lázaro, un vehículo comezou a reducir a marcha ó pasar polo seu lado e un dos dous ocupantes convidouna a subir ó vehículo. A rapaza seguiu o seu paso e uns quince metros máis adiante o vehículo deteuse á súa altura onde, tras volver a instala a subir a bordo, o copiloto chegou a soltar o cinto de seguridade. A moza, ante o temor de que puideran tentar introducila no coche fuxiu correndo.
Malia que non puido ver a cara dos dous ocupantes posto que a levaban cuberta, os axentes xa procederon á identificación do vehículo. Á espera de concluír a investigación, non existen indicios de que se tratara dun intento de secuestro senón máis ben dunha broma pesada que puido ser malinterpretada pola presunta vítima.
Á espera de identificar ós autores, o certo é que a nova do suceso causou unha grande sorpresa entre a veciñanza e xerou certa alarma social.