NOIA> A Unidade de Condutas Aditivas de Noia é un dos trece centros municipais de atención ás drogodependencias en toda Galicia que pasaron a 1 de xaneiro deste ano á estrutura do Sergas.
Na súa visita, o titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o papel que xogan. No caso de Noia, atendéronse no que vai de ano a unhas 207 persoas, non só da localidade senón tamén de municipios veciños como é o caso de Lousame, o Porto do Son, Outes, Muros e Carnota.
Na actualidade a Unidade de Condutas Aditivas de Noia conta cun equipo formado por un total de catro profesionais: un médico-psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha traballadora social e unha auxiliar de clínica, cuxa atención integral abrangue dende o tratamento das adiccións e o despacho de metadona ata a patoloxía dual, a prevención ou a reinserción social.
Durante a visita, o titular de Sanidade tamén se referiu á construción do futuro centro de saúde da localidade, no que a Xunta prevé investir máis de 10 millóns de euros, que contemplará xa nel un espazo propio para a Unidade de Condutas Aditivas.











