RIBEIRA> O BNG presentou unha serie de alegacións ó proxecto de reforma da Avenida do Malecón. Piden, entre outras cousas, unha maior dotación de zonas verdes e a redución do límite de velocidade así como cambios no acceso ó porto comercial.
A reforma do paseo do Malecón que previsiblemente comezará a executarse en febreiro carece, segundo os nacionalistas, do obrigado consenso nin co resto da corporación nin da sociedade.
É por esta razón que presentaron unha serie de emendas ó proxecto entre as que destaca a eliminación dun acceso específico ó peirao comercial polo Touro posto que supón un risco para os numerosos peóns que transitan polo paseo.
Botan en falla tamén, os nacionalistas, as zonas verdes polo que propoñen a creación dunha alameda no actual aparcadoiro das Heroínas de Sálvora. Ademais esixen que se inicie de contado a construcción da nova estación de autobuses intermodal posto que unha vez comecen as obras no Malecón procederase á demolición da mesma.
Por último, propoñen a limitación da velocidade a trinta quilómetros por hora neste treito que pasa a recuperar o seu carácter urbano.