A Plataforma pola Sanidade Pública móllase contra a reforma da Lei de Saúde

RIBEIRA> Os membros da plataforma en defensa da Sanidade Pública do Barbanza concentráronse a pasada tarde ante o concello de Ribeira para denunciar a privatización do sistema sanitario que vai supoñer a reforma da Lei de Sáude. A pesar da incesante chuvia, foron moitos os veciños que secundaron a protesta.

A concentración tiña por obxectivo denunciar a aprobación da reforma da Lei de Saúde que, segundo a plataforma, consolida a privatización da sanidade pública. Entenden que se afasta o servizo do cidadán, centralizando os recursos nos grandes complexos hospitalarios e desmantelando a atención primaria.

As medidas contempladas nesta reforma tan só favorecerán, din os representantes do colectivo, á sanidade privada que gañará pacientes que non poden ser atendidos na pública. Unha das principais causas será a falla de persoal posto que non se contempla a cobertura de tódalas prazas vacantes.

Posto que os profesionais entenden que outra sanidade pública, baseada nas persoas e non nos intereses económicos, é posible seguirán a participar en actos de protesta. O próximo terá lugar o catro de febreiro ás doce da mañá en Santiago onde se concentrarán as plataformas de toda Galicia.